Os titulares de 2018

O ano que vén de rematar deixa un ronsel de intenso traballo. Acumulando experiencia e tratando de sumar, vemos con satisfacción como se van materializando algunhas das ideas, propostas e iniciativas que vimos plantexando. Desgraciadamente, outras caen en saco roto. O 2018 está marcado pola gran vitoria veciñal que conseguíu a reposición do servizo de pediatría que a Xunta suprimira poucas semanas antes. Estamos moi orgullosos/as do exemplo que deron os veciños e as veciñas de Cuntis ao sermos pioneiras/os nunha mobilización que axiña prendeu por diversos puntos do País.

Nas nosas redes sociais (en Facebook e en Twitter) pódese acceder a este resumo nun pequeno vídeo de apenas minuto e medio.

A proposta de rehabilitar o inmoble do Matadoiro vello para poder darlle un novo uso e rescatalo do abandono foi unha das primeiras iniciativas do ano 2018. Propuxémoslle ao Goberno Municipal este proxecto con cargo ao Plan Concellos da Deputación, pero ata o momento caíu desgraciadamente en saco roto.

A folga feminista do 8 de marzo foi un dos éxitos sociais máis salientables de todo o ano. O noso apoio incuestionable dende o primeiro momento e a labor de difusión é algo que volveremos repetir neste 2019.

Consideramos de vital importancia mellorar a seguridade vial na N640 ao seu paso polo treito urbano da rúa da Circunvalación, e máis concretamente na contorna dos pasos de peóns. Se ben se procedeu ao repintado e a algunha medida máis, cómpre ao noso parecer seguir traballando nesta materia.

O desleixo que se apreza nas web e redes sociais do Concello de Cuntis xera unha imaxe tremendamente negativa do noso concello. Sen actualizar (www.turismodecuntis.es), pouco áxil, faltas de ortografía, propaganda aleatoria no canto de información útil, etc. Vimos dende hai meses esixindo a mellora neste ámbito, pero os avances son nulos. E a vontade do grupo de Goberno demóstrase ao non apoiar a moción que presentamos ao pleno nesta materia.

Outra das nosas propostas para o investimento económico do Plan Concellos da Deputación era completar ao 100% os saneamentos no rural. Lamentablemente, de momento, tampouco é así.

A mellora da accesibilidade nos espazos públicos é unha esixencia que non é exclusiva do noso grupo municipal. Debera ser unha prioridade para calquera gobernante cun mínimo de sensibilidade.

O importante impacto do turismo como sector económico en Cuntis require que a aparencia daqueles puntos de interese e atracción de visitantes presenten o mellor aspecto. Por iso propuxemos un plan de conservación e mantemento do casco urbano.

Outra das nosas teimas durante este 2018 foi o situar no centro das prioridades políticas a perda de poboación que Cuntis vén padecendo nos últimos anos. Propuxemos unha serie de medidas para fixar poboación tanto na nosa vila como no rural cuntiense. Só algunhas das ideas foron postas en marcha, como as axudas á natalidade, non sen dificultades.

O deterioro da atención sanitaria en Cuntis vén de máis tempo atrás que a supresión durante case dous meses do servizo de pediatría. Impulsamos sempre a mobilización como vía de defensa da atención sanitaria digna no noso municipio, co complemento imprescindible do traballo político e administrativo que fose necesario.

Presentamos alegacións ao Anteproxecto de Lei de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia. Tanto no aspecto técnico como no legal, os bens públicos non poden estar en mans privadas. O caso de Cuntis é paradigmático: as augas termais deben ser consideradas, sen ningún tipo de dúbida e a todos os efectos, de titularidade pública!

Levamos ao pleno unha moción para que o Concello de Cuntis iniciara os contactos coa Xunta de Galicia a fin de recuperar o proxecto de construción dunha escola infantil pública no noso municipio. Como é ben sabido, este proxecto existe dende o ano 2009. Malia que a moción foi aprobada, o Goberno Local non fixo movemento ningún para levar a bo porto este traballo.

En relación coa necesidade dun plan de mantementos do casco urbano de Cuntis, un dos exemplos máis visibles é a pasarela de madeira sobre o río Gallo que permanece rota e inaccesible dende hai moitos meses. Levamos esta esixencia ao pleno en repetidas ocasións. Agaradmos que coa chegada do 2019 poida facerse efectiva esta demanda.

A organización das festas patronais de 2018 correu a cargo do concello despois de moitos anos. O seu pobre nivel colleitou a crítica case unánime dende case todos os puntos de vista. Recuperar o esplendor que noutrora tiveron era o obxetivo da nosa análise e propostas que presentamos no mes de setembro.

A proposta de creación dunha Liga de Carreiras Populares de Cuntis procuraba a dinamización en tres eixos: deportivo, patrimonial e rural. Malia que tivo unha moi boa acollida, por parte do Grupo de Goberno non recibiu nin tan sequera resposta.

A estrada provincial EP8401 é unhas máis empregadas por veciños e veciñas de Cuntis para desprazarse a Compostela ou á súa contorno. Traballo, estudos ou lecer motivan a diario os desprazamentos por unha vía que demostra a súa perigosidade no número de accidentes que desgraciadamente se producen. Levamos ao pleno municipal unha moción para que o Concello de Cuntis lle esixa á Deputación de Pontevedra a necesaria mellora das súas condicións de seguridade. Ata o momento, sen éxito.

Un dos piares sobre os que se sostenta Veciñanza é a participación e a aposta pola transparencia. Levamos a pleno unha proposta de pautas para a elaboración dun regulamento da materia. O Bipartito BNG-PSOE nin tan sequera a apoiou.

Presentamos alegacións á proposta da Xunta de modificar o mapa de risco de inundacións. Se ben representa un avance necesario, a proposta da Xunta de Galicia quedaba incompleta ao excluír da consideración de zona inundable boa parte do Castro, nas mesmas beiras do propoio río Gallo.

O ano rematou co que seguramente foi o máis salientable a nivel político da lexislatura. O exemplar comportamento dos veciños e veciñas de Cuntis que non dubidaron en mobilizarse en defensa do servizo de pediatría que a Xunta de Galicia chegou a suprimir durante case dous meses. En constante contacto do Alcalde Manuel Campos, impulsamos cada unha das accións levadas a cabo durante os dous últimos meses do ano nesta materia.

Este é un breve resumo do que foi un ano de traballo intenso. 2019 é ano de exame para as forzas políticas. Chegamos a el co compromiso irrenunciable de seguir traballando poñendo por diante os intereses de veciños e veciñas de Cuntis.

Feliz 2019 a todas/os!

Share

Tamén pode gustarche...